Ante unha situación de catástrofe ou desastre nun país, os responsables políticos, en canto elixidos polo pobo, deben ser o primeiros en aportar solucións e garantir a seguridade da nación. Agora vós sodes os políticos, das vosas decisións depende o futuro de todo un pobo: a riqueza económica do país; o futuro das familias dependentes do mar ;a supervivencia dos ecosistemas mariños...
Ides facer fronte á terrible ameaza dunha marea negra. Iredes pasando por cada un dos momentos cruciais de decisión e debedes redactar para cada un deles un escrito coas decisións que tomedes e unha presentación pública das mesmas. Nunca esquezades que representades a voz dun pobo, a vida dun pobo, o futuro dunha nación...
O que aquí presentamos é un proceso de investigación, e toma de decisións usando a rede. Está dirixido ao alumnado da ESO e niveis superiores, e persegue a consecución de ambiciosas finalidades:
Tomar conciencia das graves consecuencias dunha marea negra a tódolos niveis: económico, social, ecolóxico, político...
Desenvolver unha conciencia crítica fronte ás competencias políticas ante unha situación de desastre.
Analizar os distintos momentos da catástrofe e as competencias na toma de decisión en cada un deles.
Manexar as diferentes variables intervintes en cada momento para adoptar decisións razonadas e orientadas ó ben común.
Desenvolver actitudes de solidarización coas zonas e sectores máis directamente afectados, tomando conciencia de que a catástrofe ten un alcance global.
A nosa proposta só é un punto de partida, o verdadeiro traballo debe desenvolverse dentro das aulas. Entendemos que debe tratarse dun traballo grupal, de construcción compartida de coñecementos e toma conxunta de decisións... tal como puidera ser unha toma real de decisións políticas.
Aportamos unha serie de guiás ou orientacións para acometer o proxecto, se ben queda totalmente aberto ás necesidades e finalidades de cada mestre.