Ir a 2015 Ideas para cambiar el Mundo
      home



Que é a educación ambiental?

Coruña Sostenible






2786
     
 

A educación ambiental é unha dimensión da educación que persegue unha meirande eficacia social e pretende ser un resorte do desenvolvemento comunitario, atendendo á conservación da calidade do medio e, polo tanto, da calidade de vida. É a educación no respecto cara á natureza e ás culturas humanas, a conciencia de interdependencia entre todos os seres vivos e o seu medio, e a necesidade de actuar dende a solidariedade.

Considérase un elemento fundamental na educación global e permanente, orientada cara á resolución de problemas e que prepara para a participación social activa. A educación ambiental persegue fomentar o respecto cara aos valores naturais, sociais, culturais, éticos e estéticos; é a educación en, para e dende a diversidade.

O seu carácter innovador radica en que a educación ambiental é fundamentalmente un movemento ético e non só unha concepción pedagóxica, que require unha renovación conceptual e metodolóxica, na que o cidadán poida comprenderse a si mesmo como unha parte integrante do medio, tendo unha visión global da realidade.

O obxectivo último é, tomando as palabras de María Novo, conseguir que as persoas desenvolvan condutas correctas con respecto ao seu contorno de acordo con valores asumidos libre e responsablemente.

A educación ambiental ten polo tanto un compoñente práctico importante: os comportamentos que se xeren do feito educativo han ir encamiñados cara ao respecto e á mellora do medio. Na actualidade non podemos disociar esta concepción da de desenvolvemento, xa que os problemas ambientais están orixinados por unha mala xestión dos recursos e das políticas económicas liberais.

A educación ambiental non é unha materia máis que hai que introducir nos currículos. O seu ámbito non se reduce aos centros escolares, nin a unhas idades en concreto: é un proxecto ético para toda a cidadanía, dende a educación formal e non formal, en todos os estamentos e dirixida a escolares, familias, técnicos, políticos, administradores... é dicir a toda a sociedade porque todos, e non soamente un grupo de profesionais, podemos incidir na mellora do medio ambiente.

"A educación ambiental debería contribuír a adoptar, no que respecta tanto a valores éticos e estéticos como á economía, actitudes que leven ás persoas a impoñerse unha disciplina, ante todo para non menoscabar a calidade do medio ambiente, e tamén para participar activamente nas tarefas colectivas destinadas a melloralo". (Discurso de apertura do Congreso Internacional de Educación Ambiental de Tbilisi).


http://www.aytolacoruna.es/gl/medioambiente/0501intro.jsp




     
©2005 - 2012